
¡Pobre profesor Ignacius! O pobre profesor Ignacius ía presentar por fin o resultado das súas investigacións históricas ó concurso anual “Xenios das Artes” cando, presa dunha toxina voraz e mutante, esqueceu a meirande parte dos datos que tiña tan ben preparados para comeza-la exposición. O resultado foi desastroso: o único que puidemos acadar del foi un guión moi parcial cheo de lagoas e a certeza absoluta de que, seguindo as súas pistas, poderiamos reconstruír un fermoso periplo pola historia e a arte coa axuda de Internet e as súas precisas –ou non tanto- indicacións. Non temos máis ca iso, pero o título de “Xenios” é noso se, antes do remate do concurso (¡quedan menos de dúas horas!) recompoñemos toda a información perdida, contando sempre coa axuda do profesor... e atopamos a imaxe que pecha a investigación.
Reconstrui-la investigación perdida, paso a paso, e contrastando os achádegos á fin de non errar na busca, pois non temos tempo de voltar atrás. Recolleremo-la información que o profesor Ignacius nos solicita nun caderno, a dirección da páxina na que a atopamos por si temos que revisala, e calquera material que se nos pida para a investigación. Ler detidamente as indicacións do proceso antes de continuar co paso seguinte, ¡e pedirlle moita sorte ós deuses do Olimpo!
«As sete marabillas do mundo antigo
agachan dúas claves fundamentais para a resolución deste caso. Se puidera
lembrar cales eran estas sete marabillas... Se foras tan amable de
reseñarmas... Precisaremos ó longo da busca os seus nomes».
«A cidade que posuía o marabilloso farol
se fixo sonada tamén por outra institución non menos marabillosa, hoxe
desaparecida, pero coa que ti saberás dar: non pode ter moita dificultade, pois
poucas empresas marcaron tanto a historia do coñecemento humano. Se non tivera
plantado lume...»
«Dela foi insigne director, entre
outros... non lembro quen... pero en calquera caso o atoparás buscando a
historia deste edificio: hoxe en día non se saben máis alá de catro ou cinco
nomes de persoas que ostentaran nela este cargo. Toma nota dos que atopes, pois
nos farán falta nun intre».
«Este director pasou á posteridade
engadindo ó seu nome o da súa cidade natal. Este feito era habitual na época,
pero neste caso nos conduce á seguinte pista. Co nome desta mesma cidade pasou
tamén á historia unha sonadísima representación feminina do periodo helenístico
conservada hoxe no museu... este... no mesmo que se atopa a Gioconda... Bueno,
non me acordo do nome, pero tanto ten. Coido que con estes datos saberás chegar
xa ata el...»
«Xa sei que nese museu hai moitas
representacións destas características, pero saberás de cal falo tendo en conta
a segunda pista que nos daban as marabillas do mundo antigo: foi encargada
polos habitantes da cidade do coloso».
«¡Ah, esquecíame dicirche para qué
precisabamos atopa-la imaxe! Preciso realmente as súas dimensións, a medida en
centímetros que ten de alto».
«E que esa medida, en centímetros, nos dá
o ano en que foi elixido bispo da cidade do farol e da devandita institución un
home co tempo aclamado santo. Dicídeme vós o nome deste santo...».
«Xa estamos a piques de chegar ó remate
desta encadeada busca pola arte... sempre que sexamos quen de saber a data na
que se celebra a festividade deste santo bispo. Esta data dá título a un cadro
do autor da obra que buscamos, pero penso que o título do cadro non ten nada
que ver co santo... ¿por que este cadro se titula así? ¿Que pasou nesa data?».
«¡Xa chegamos! ¡Xa o temos! Non queda
nada máis por facer que atopa-la imaxe do cadro que realmente nos interesa: un,
deste mesmo autor, que volta a relacionarse, polo seu título, cunha das sete
marabillas do mundo antigo... A estas alturas xa tanto vos terá que non lembre
con cal... Debe ser xa tan doado...!!!».
A través do portal es.yahoo.com,
e dos seus epígrafes temáticos, podemos acceder a moitos materiais de consulta moi útiles para o caso: por
exemplo, ás enciclopedias.
Podemos empregar no mesmo portal o buscador por palabras: é tamén moi bo recurso.
Para iso, habitualmente nos aporta máis
resultados a páxina do buscador google:
é unha das mellores atopando cousas difíciles.
E, claro, non vou esquecer acudir a
páxinas nas que sei reside información que preciso, como museos...
Por hoxe abondará con dar resposta a estas preguntas: ¿acadeino? ¿aprendín cousas? ¿divertinme na busca? ¿volvería facelo?