DÍAZ CASTRO

 

COMA UNHA ESCADA

Lémbrome ben do vento que cantara
no fío da túa morte, meu amigo,
dos doces días que arrastrou o vento,
da derradeira pomba da esperanza.

Sobor da escuma dos recordos fría
navega un nome cara a min, sen nada,
o eco dunhas zocas afogándose
no veludo sen fin da eternidade,
a sombra longa dunhas maus, xa cougas
na lus da tarde, feita monumento.

Tódalas cousas morren esta tarde
con longuísimas sombras, baixo a muda
roda sen dó. Pro ti, ¿pra que estás morto?
Antre a esfera onde estás e as miña sombra
unha oración que no esperabas tira
unha canle de lus coma unha escada.

Desfaise o tempo, faise a lus, e case,
case baixar te vexo pola escada
de lus pra acabar xuntos esta historia
que, por un erro, interrompeu a morte.

 

 

 

COMA UNHA ESPADA

Tódolos ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.

Ó traveso da escura teadaraña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza feriume para sempre.

En cada vez eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus qué non entendo,
pro que me fire coma espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.

E as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
¡pro no enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.

 

 


COMA BRASAS

Poeta ou non, eu cantarei as cousas
que na soleira de min mesmo agardan.
Alumarei con fachas de palabras.
ancho herdo meu, o mundo que me deron.

Eí están, coma brasas contra a noite,
as vellas cousas, cheas de destinos.
Ollos que piden, de famentos nenos.
Ollos que esperan. dunha adolescente.

¡Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus de aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
e esta crus que nos mide de alto a baixo.

Con este alento, eu lles darei ás cousas
o drama cheo que lles nega a vida:
dareilles rostos, pra que se conozan,
palabras lles darei pra que se entendan...

 

 

MONUMENTO A AUSENCIA

¡Lus,
ceo rachado, lus!
Inda vexo a lus.
E despois os galos,
e despois os homes,
e despois todo val, ¡cáliz fervendo!

Naquela mañá feita para os ollos
de Deus, pra sempre froleceu a pudia,
cantaron as lavercas para sempre.
E eu perdinme antre os trigos ben perdido,
coas espigas por riba da cabeza,
no carreiro longuísimo dos adeuses...

Adeus ó amigo que non tivo tempo
de me engañar, pra sempre xa querido.
Adeus á nena de ollos coma pregos
que será nena dentro de mil anos.
Adeus ás portas, xa pra sempre fieles;

adeus ós montes, todos urizados
de estrelas de ouro vivo para sempre;

adeus ás pedras, coma rosas xa;
adeus ás maus, quentifias para sempre.

¡Que quente é agora o seo desta noite
chagado pola lus daquel mencer.
que pra sempre se foi e non se vai!

 

 

 


NIMBOS

Se é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,

das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo eiquí os nimbos; coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morro xove, dalgún soño.

 

 

 

 


NO RESPLENDOR DO DÍA

Quero morrer de música nunha tarde de pinos
sen sentir o martelo dun recordo no sangue,
e caer a modiño na sombra como a lúa
enterra as súas cornas tras de Arxán.

Que o sol siga o seu rego deica o mesmo cadullo,
a derradeira rella do tempo en carne viva,
que os paxaros non calen no oco quente da tarde,
que non paren os bois de remoer.

Que o meu carro se entorne cheo de lume e soño
sen axotar as troitas nin as alas dormidas, .
e que a Deus me encomenden os ventos vagabundos,
as lebres que se riron do meu can,

os camiños que andiven e as árboleS con niños,
os ollos, inda cheos da lus de Deus, dos nenos,
as voces escondidas que teman deste mundo,
as bágoas puras que non ve ninguén,

namentras en falopas cai a imaxe do mundo
e as voces son adeuses de xente no peirao
e eu estrela da noite que se perde no día,
no resplendor do día que busquei.

 

 

 

 


PENÉLOPE

Un paso adiante e outro atrás. Galiza.
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos tesu ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos.
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén. ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando. suco a suco. o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

 

 


REMUIÑO

Xa se fincou nas pereiras
a primavera. Sentín
o vou-e-non-vou de marzo.
¡Xa no hai piedade pra min!

Pasou rispándome a quina
dun cabalo que non vin.
Brandeuse o ceo de vidro
aló por Pónte-Gafín.

Crebouse a paz coma un fío
nos dentes fríos de abril.
Perdido no remuíño.
¡xa no hai piedade pra min!

Ti, cabelos de ouro e de aire,
nena, ¿en que ceo te vin?
Chuchoume unha meiga os ollos.
ti xa no es metá de ti.

Torceuse o eixo das cousas,
toleou folla e raíz.
moscáronme os soños. caio...
¡Xa no hai piedade pra min!

Pro tralo fume revolo
de todo o que cai, sentín
que Deus andaba a xogar.
¡Inda hai piedade pra min!

 

 

 

 


TERRA ACHAIADA

¡Ei, o sol, niño ardendo nos loureiros!
¡Ei ledicia do agro cheo de homes!
Nos meus ollos de neno lapas, hoxe
terra rebada.

¡Lóstrobos enroscados das fouciñas
e voces grandes coma a de meu pai!
Ruxir aceso das paveas, hoxe
praias do vento.

Sobor da lapa das espigas, ¡ei!
un son de flauta ou chafarís de ameixas.
Muiñeiras de anxos polos trigos, hoxe
sombras alleas.

Uns beizos duros co cigarro ó enxizgo
moulando historias dos cañós de Cuba.
Un neno atúa ós petrucios, hoxe
po caladiño.

 

 


COMA VENTOS FUXIDOS

Estes non son potemas, nin cimentos
de potemas siquera. Son fragmentos
de min mesmo perdidos,
coma ventos fuxidos,
por antigos camiños esquencidos:
¡Díaz Castro perdido no traxeito
dun retardo moi longo, recolleito
por un anxo e salvado
nalgún intre de amor desesperado!

 

 

 

 


VÍSPERAS

Polos días do Carmio a festa chega ó río.
Unha música ardente vén no aire coma un río
de recordos. Foguetes lonxanos cain no río.
Este é o Porto-Muíño, todo en lapas, o río.

O rio está deitado coma un boi remoendo.
e o Tempo non sei qué anda rente del remexendo.
As bágoas do ameneiro cain pola noite abaixo.
e fan ceos pequenos de estrelas aló embaixo.

Nas puntiñas dos pés a festa chega ó río.
e anésgase, larmeira, á beiriña do río.
Despois vólvese tola: brinca o río berrando,
e pérdese nos vimbios e as xesteiras beilando.

e acéndese nos vidros da aldea chea de anos.
e ergue a moi meiga as pálpebras de animás e cristianos
Chora o ameneiro en soños (iQue ben se oin os muíños!),
e chora polo lempo perdido nos camiños.

¡Ai como está de bágoas de nenos feito o río!
Este é o Porto-Muíño, todo en sombras, o río.
A Virxe pasa a mau polo lombo do río...