XOSÉ MARÍA DÍAZ
CASTRO
O Equipo de Normalización Lingüística do IES poeta
Díaz Castro vén de coordinar unha serie de actividades
que tiveron como obxectivo divulgar a figura deste magnífico
poeta de Guitiriz que lle dá nome ó noso centro, cumprindo
así o compromiso que asumiu desde que o centro leva o nome do
escritor. Tamén desexamos aportar o noso gran de area para que
se faga xustiza cun poeta que, ó noso entender, non se ten valorado
polo de agora como se merece.
As actividades que se levaron a cabo para tal fin foron as seguintes:
• Exposición na biblioteca do noso centro escolar de libros,
fotografías, documentos e mesmo obras inéditas do escritor.
Toda esta valiosísima información sobre o escritor, tanto
na faceta humana como literaria, foi cedida pola asociación cultural
Xermolos. A exposición foi presentada a toda a comunidade escolar
polo profesor do IES e presidente de Xermolos Alfonso Blanco, amigo
persoal e bo coñecedor do poeta e da súa obra. Tamén
a visitaron alumnos e mestres do colexio de Parga e Lagostelle.
• Difusión da súa obra poética Nimbos entre
o alumnado coa colaboración dos profesores do departamento de
lingua e literatura galega, pois nas súas aulas léronse
e comentáronse os seus poemas.
• Creación dun blog sobre a vida e obra do poeta. Esta
foi unha contribución dos profesores encargados da biblioteca.
• Introdución na páxina web do instituto dunha escolma
da súa poesía feita polo Equipo de Normalización
Lingüística.
• Reedición da súa obra poética en galego
Nimbos, o que foi posible grazas á mediación do Concello
e á implicación da Consellería de Cultura.
• Creación dunha revista por parte da asociación
cultural Xermolos adicada ó escritor. Nela figura un comic, feito
por Xavier Varela, sobre a súa vida e obra .
• O principal acto de homenaxe ó poeta tivo lugar o venres
4 de maio no IES poeta DíazCastro co motivo da presentación
da reedición de Nimbos e da revista Xermolos. A el asistiron
os alumnos de 6º de primaria do colexio de Lagostelle de Guitiriz,
así como os alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º do
colexio de Parga e algúns mestres de ambos colexios. Nestes colexios
tamén recibiron información sobre o escritor e a súa
obra e colaboraron no acto co recitado duns poemas que previamente seleccionaran.
Esperamos continuar con máis actos nos vindeiros anos.
O Equipo de Normalización.