PRÁCTICAS 2º BACHARELATO

 

  1. No laboratorio é necesario traballar en silencio.
  2. Os libros, abrigos e demais prendas persoais non deberán estar NUNCA sobre a mesa do laboratorio.Nesta, unicamente estará o material da práctica e o caderno do laboratorio.
  3. O material debe estar limpo, procedéndose ó seu lavado inmediatamente despois do seu uso.
  4. Os frascos dos reactivos devolveranse ó seu sitio de costume unha vez usados, asegurándose de que estean convintemente pechados.
  5. Se hai frascos de uso xeral, para todo o laboratorio, éstes non se deben levar NUNCA á mesa de traballo. Cando se precise do seu contido, tomarase a cantidade necesaria, nun recipiente axeitado, no lugar onde se atopen.
  6. Os reactivos, unha vez sacados dos frascos, XAMAIS se devolverán ós mesmos pois poderían contaminar todo o seu contido. As cantidades que se saquen deberán se-las que se indican para face-la práctica.
  7. Os reactivos líquidos e sólidos que se rexeiten, ou ben se reciclarán ou deberán ser incluídos no sistema de recollida de productos químicos que haxa adoptado o centro. En todo caso consultarase co profesor ou coa profesora no momento de rexeitalos.
  8. No desenvolvemento das prácticas, non deberá substituírse un reactivo por outro nin unha concentración por outra, a non ser que o indique o profesor ou profesora.
  9. Non deberá engadirse NUNCA un reactivo a un recipiente que estea quecendo, débese retirar primeiro da fonte de calor.
  10. Os tubos de ensaio débense quentar sempre polas paredes, na zona media do líquido que conteñen, movéndoos continuamente. Débese ter en conta que a boca do tubo non estea dirixida cara a ninguén.
  11. Os reactivos NON DEBEN PROBARSE XAMAIS para coñece-lo seu sabor. NON SE DEBE ULIR DIRECTAMENTE ningún reactivo, se fixera falla, axitarase o ar sobre a boca do recipiente para que se achegue ó nariz.
  12. Se se traballa con substancias inflamables, ¡¡OLLO SE HAI CHAMAS PRETO!!
  13. En caso de incendio teremos que emprega-lo extintor axeitado. Por iso débese coñecer ónde se atopa o seu manexo.
  14. No caso de producírense queimaduras, cortes ou accidentes avisarase inmediatamente ó profesor ou profesora.
  15. Cando rematen as sesións do laboratorio, a mesa debe quedar limpa e as chaves do gas e da auga pechadas.

 

MATERIAIS DE USO FRECUENTE NO LABORATORIO DE QUÍMICA

 

AXITADORES DE VIDRO

Chámanse tamén variñas de axitación. É de vidro. Utilízase para mestura-los compoñentes dunha mestura, tanto homoxénea coma heteroxénea dándolle voltas.

 

BURETA

Utilízase para medir con gran precisión volumes de líquidos. É un tubo longo de vidro aberto polo extremo superior e co extremo inferior terminado en punta e provisto dunha chave por onde se deixa escapar o líquido. Pode incluso pasa-lo líquido gota a gota. Está graduada en décimas de centímetro cúbico. Mentres se manipula mantense fixa e vertical, unida a un soporte. Moi utilizada en valoracións. Débese evitar que o líquido estea moito tempo en contacto coa bureta, pois determinadas substancias chegan a atascar e incluso inmoviliza-la chave.


CRISOL DE PORCELANA (CÁPSULA)

É un recipiente de porcelana, e serve para quentar algunhas substancias, pois soporta altas temperaturas.

CRISTALIZADOR

É un recipiente de vidro no que se bota unha disolución para que precipite o soluto e por efecto do repouso e as demáis condicións ambientais, lograr que cristalice. Non se pode quentar, pero a disolución pode estar quente.

ESCOBILLÓN

Serven para limpa-los instrumentos do laboratorio.

FUNIL BUCHNER

É un funil de porcelana ou vidro de diferentes diámetros. Na súa parte interna leva os medios filtrantes. Utilízase, xunto co kitasato, para facer filtracións ó baleiro.

FUNIL DE DECANTACIÓN

É un elemento de vidro que serve para separar líquidos inmiscibles. Despois de introduci-la mestura líquida é recomendable esperar un ratiño para que os líquidos se separen. Así, ó abri-la chave sae o líquido que queda por baixo con moito coidado para que non saia o segundo líquido e se mesturen de novo.

FUNIL DE VIDRO

É un utensilio de laboratorio que permite filtrar substancias. O seu peteiro debe estar en óptimas condicións para o paso do líquido.

GOTEIRO

É un pequeno tubo de vidro cunha pera no extremo e serve para sucionar ou botar as solucións. O seu uso é moi sinxelo, pero en ocasións pódense perder mesturas de líquidos por non ter en conta algunhas advertencias. Como debe manterse sempre limpo, hai que lavalo despois de cada manipulación.

MATRAZ ERLENMEYER

Moi usual no laboratorio para conter líquidos ou disolucións, por exemplo, nunha valoración. Mide volumes aproximados. Ten a vantaxe de poder pechalo cun tapón cando queremos conservar un produto volátil ou cando precisamos facer unha montaxe. Pode tamén usarse en reaccións químicas. Pódese quentar.

MATRAZ KITASATO

É de vidro e de parede grosa, cunha tubuladura lateral. Na boca acóplase, mediante unha cortiza con buratos o buchner. Á tubuladura, cunha goma, acóplase a trompa de auga ou a trompa de baleiro. Utilízase para filtrar substancias.

MATRAZ AFORADO

É un recipiente de vidro que se emprega sobre todo para conter e medir líquidos. Ten forma esférica con fondo plano ou troncocónica con colo cilíndrico. Utilízase para preparar e conservar disolucións de molaridade ou normalidade determinada. Ten na vinca unha marca ou “enrase” que indica o volume total da disolución. O volume exacto da disolución no matraz aforado axústase evitando o erro de paralaxe.

MORTEIRO DE PORCELANA

Serve para poder esmagar un obxecto do que debemos extraer algún tipo de substancias: por exemplo, machucar follas e poder sacar así, parte das substancias que as compoñen. Non se debe golpear, utilízase por rozamento.

MORTEIRO DE VIDRO

Serve para poder esmagar un obxecto do que debemos extraer algún tipo de substancias: por exemplo, machucar follas e poder sacar así, parte das substancias que as compoñen. Non se debe golpear, utilízase por rozamento.

PINZAS E ESPÁTULAS

As pinzas serven para suxeita-los elementos ou pequenos materiais e algún composto sólido obtido nas reaccións. As espátulas serven para recoller substancias sólidas.

PIPETA

Ten as mesmas características xerais que a bureta. Xeralmente é máis pequena e manexable. Para evitar que o líquido caia, péchase o orificio superior co dedo índice. Na operación contraria, reláxase un pouco a presión do dedo. Algunhas teñen na parte superior unha ampola (ensanchamento) que contribúe á seguridade cando a enchemos cun líquido por succión. Poden estar graduadas, aforadas ou sen calibrar. Hai que utilizar sempre unha pera adosada á pipeta na súa parte superior, cando se succionen líquidos que presentan certa perigosidade no seu manexo: ácidos e bases fortes, substancias tóxicas... Mide volumes exactos.

PROBETA

Instrumento de laboratorio que se utiliza sobre todo en análise química, para conter ou medir volumes de líquidos de forma aproximada. É un recipiente cilíndrico de vidro cunha base ancha que adoita levar na parte superior un peteiro para verte-lo líquido con maior facilidade. Levan unha escala gravada na parte exterior. Se se require maior precisión recúrrese a outros instrumentos coma as pipetas. Está graduada en mL. Para facer unha medición perfecta, a probeta debe estar nun lugar totalmente plano, para evitar erros na lectura que se vai facer.

TRIÁNGULO DE PORCELANA

Utilízase para poñer enriba a cápsula de porcelana, pois fai de sostén.

TUBO DE ENSAIO

Elemento de vidro que se pode quentar á chama. Recoméndase colle-los tubos con pinzas de madeira, pois facilitan a súa manipulación dun lado a outro.

 

VASO DE PRECIPITADOS

É de vidro e non serve para medir volumes exactos. Pódese quentar sen problema porque o material do que está feito resiste altas temperaturas. Pódese introducir nel tanto sólidos coma líquidos.Moi utilizado no laboratorio para conter líquidos ou disolucións. Tamén pode servir de recipiente para reaccións químicas. É o instrumento de laboratorio máis recomendado para trasladar solucións, preparacións... dun recipiente a outro do laboratorio. Cando están graduados serven para medir volumes aproximados.

 

VIDRO DE RELOXO

Ten forma de lentiña. Utilízase tanto para evaporar substancias por quecemento e tamén para cristalizar deteminadas substancias. En ocasións, utilízase tamén para queimar líquidos sobre el.

 

 

PRÁCTICAS 2º BACHARELATO

 

 

 


(Volver á páxina principal)