|
ONDE NOS PODES ATOPAR Estamos en Galicia, na provincia de Lugo dentro da Terra Chá, servindo de límite a ámbalas dúas: provincia e comarca. Somos veciños directos de sete concellos, catro lucenses e tres coruñeses: Xermade, Vilalba, Begonte e Friol da nosa provincia; Curtis, Aranga e Monfero de A Coruña. Guitiriz, a capitalidade do concello do mesmo nome, ten unha situación estratéxica na xeografía galega. Situada a 40 Km. da capitalidade provincial, 60 de A Coruña , 72 de Santiago de Compostela e 40 de Betanzos, tivo dende sempre unhas boas comunicacións, tanto por estrada coma por ferrocarril. Está atravesada pola N VI (Madrid- A Coruña) que conflúe no concello coa N 634, que comunica Galicia co norte de España, e pola vía férrea Monforte de Lemos- A Coruña. Estas boas comunicacións fixeron que fose punto de paso obrigado e parada habitual dos viaxeiros para facer uso dos servicios existentes e da afamada "torta de millo". Os avances modernos na comunicación, trouxeron a autoestrada á zona e hoxe estamos á beira da A-6, o que nos reporta como beneficio moita tranquilidade por ternos librado dos agobios de tráfico masivo, aínda que perxudicou de xeito notorio o comercio local ó tempo que deixou as comunicacións por tren como unha sinxela testemuña do que foron no século pasado. Por outra banda, as comunicacións entre as diferentes parroquias do concello son polo xeral aceptables en cantidade pero non en estado de conservación. A estrada LU-170 comunica os concellos de Xermade e Friol atravesando Guitiriz cruzando a N-VI e a A-6 nas proximidades de O Mesón da Cabra (en tempos pasados sede do actual concello de Guitiriz).
|
|
||||||||