O PANTANO

    Coñecido popularmente  como " O pantano", este lugar caracterízase por reunir nun espacio reducido tres elementos moi importantes:

  1. Un encoro que recolle a auga dun regato que recibe a auga dunha fonte que nace a poucos metros do mesmo e que abastece á vila de Guitiriz.

  2. Unha área recreativa: "San Xoán"

  3. Unha "aula forestal" das poucas existentes en Galicia. Consta dun edificio( antigua vivenda do garda forestal) rodeada dunha amplia variedade de especies arbóreas. O conxunto dispón tamén dunha fonte de pedra.

 

   Os tres elementos están perfectamente integrados na paisaxe e todo xunto constitúe certamente un lugar agradable onde se pode disfrutar e aprender. Tamén hai abundancia de piñeiros. A todo isto hai que engadir dúas cousas máis:

  • A estupenda vista do Concello que se contempla subindo por unha pista que bordea a área ata unha antigua caseta de vixiancia de incendios.

  • Os extraordinarios concertos de rás que se pode escoitar determinados días do ano. É unha gozada chegar alí unha tardiña e dar de cheo con esta música acompasada que produce o canto dos anfibios que alí habitan. E se temos sorte, tamén podemos disfrutar da presencia de cabalos que viven en estabulación libre por aqueles montes.

¿COMO CHEGAR?

OPCIÓN NÚMERO 1.

   EN COCHE.-

        Se saímos da autoestrada en Guitiriz, na mesma saída tomamos a dirección Os Vilares; a escasos kilómetros atopamos, á esquerda unha sinal que indica varios lugares:(Casas Vellas, Cabanacomba, Ares...)e tamén Área recreativa San Xoán"Continuamos pola pista asfaltada e, seguindo o indicador, rematamos a poucos kilómetros na zona. Non hai problemas de estacionamento.

   Se partimos da vila, collemos a mesma estrada que vai a Os Vilares que nos leva a autoestrada e seguimos o camiño anterior.

OPCIÓN NÚMERO 2.

    CAMIÑANDO.

        Pódese chegar ó lugar a pé, seguindo o roteiro explicado na opción coche, a distancia é aproximadamente de 8 km. sen dificultades pero sería todo o traxecto por estrada asfaltada.

        Recomendamos a posibilidade de chegar camiñando por sendeiros, corredoiras e pistas forestais, pisando asfalto en tramos moi escasos.

   Deixamos o coche na rúa Xermade que nos leva ó I.E.S. e partimos por unha pequena rúa que vai a un lugar chamado " A Torre". Aquí podemos ver algunhas casas de pedra tradicionais.No cimo, ó rematar o asfalto,tomamos dirección cara a dereita e camiñamos baixo carballos uns metros, seguimos o camiño e cruzamos por riba da autoestrada por unha ponte. Xa na outra beira, xiramos á dereita e de seguido metémonos por un camiño á esquerda que nos leva ó lugar de  "O Pazo". Chámase así porque existe unha construcción deste tipo que aínda conserva unha capela que os donos amosan sen problema, pero antes de ver a capela podemos saciar a sede nunha fonte situada á beira do camiño.

   Dende a capela, seguimos cara arriba ata un cruceiro, bordeámolo e seguimos a pista á dereita. Onde remata o asfalto, tomamos a corredoira estreita que aparece á esquerda. A poucos metros atopámonos na estrada asfaltada qeu leva a "Cezar". Chegamos á aldea e observamos algúns exemplos de arquitectura popular ben conservada, pero tamén varias desfeitas (coma hórreos de ladrillo). Sen rematar o núcleo, chegamos xunto a un ciprés que está ó lado dun depósito de auga situado no cimo dunha columna de pedra. Aquí tomaos o carreiro da esquerda que nos leva, entre prados e sembrados e algunha vivenda ata que topamos cunha pista forestal.(¡Ollo| este tramo con choivas é difícil por ter moita lama"). Na pista, collemos á esquerda, pasamos á beira dun depósito de cemento para recoller auga para incendios e seguimos pola dereita durante 2 km, a meirande parte subida. Este tramo é bastante monótono, vai entre piñeiros, toxos e algunha abidueiras adolescentes.

   No cruce seguinte, tomamos dirección esquerda e máis ou menos a 20 m. xiramos á dereita. Aquí atopamos unha finca cerrada( hai que fixarse no cerrado feito de pedra e chantos), hai unha casa de pedra ben conservada, palleira e un pozo cuberto. No medio dos edificios un freixo esbelto invita a tomar un descanso.

   É preciso destacar  aquí os afloramentos graníticos que podemos ver na aira, na finca e no monte que vemos a continuación.

   Dende a casa, continuando pegados ó cerrado da finca e deixando as pistas da dereita, baixamos un pouquiño por un camiño fondo rodeado de arandeiras e atravesamos un regato. Preto del, temos que cruzar unha pista asfaltada, seguimos de frente polo camiño de terra.

   Deseguida nos atopamos coa sorpresa:¡ Unha finca de eucalptos de tres anos de vida!. Por certo, a finca ten un cerrado semellante ó da casa que vimos antes. No monte, máis afloramentos graníticos, na pista tamén.

   Axiña nos atopamos nun alto dende o que podemos contemplar unha panorámica do contorno e observar que, por desgracia, os piñeiros son aqui os amos do monte. Á beira da pista os toxos, as abedueiras, as carqueixas e as uces acompáñannos, o cheiro a mel é destacado. Tamén podemos ver algúns carballos, lembranza de tempos pasados.

   Baixando un pouco, chegamos a outro regato, que , unido ó anterior e a un terceiro que logo veremos formarán o río Lendoira que baña as brañas do Boedo e desembocará no Escádevas.

   Un pouco más adiante temos que pasar por debaixo dunha alambrada( porque o camiño normal está cheo de maleza), baixamos e cruzamos o terceiro regatiño e subimos tomando a pista da dereita. A poucos m, debemos saír desa finca pola dereita entre unhas abedueiras.

   Dende aquí podemos facer o tramo final por dous camiños:

  •    Subir de frente por un forte repeito dus 200 m. que nos leva a unha pista sen asfaltar. Collermos á dereita e ó chegar a outra asfaltada, viramos á esquerda. En poucos m. estamos na META.

  • Tomar o camiño da esquerda que remata na anterior pista sen asfaltar, collemos á dereita  ata chegar á asfaltada e logo á esquerda.

        A primeira é máis curta pero esixe un pequeno esforzo na subida.

        A segunda é máis longa, pero lévase sen dificultade.

        A volta poderíase facer polo mesmo lugar ou en coche. De tódolos xeitos, recomendamos pasar por unha pequena aldea chamada Cabanacomba onde hai exemplos de arquitectura popular e afloramentos graníticos nas airas, camiños e en todo o lugar.

   Está baixando pola estrada asfaltada, un pouco máis adiante do cruce da pista que usamos camiñando.

Visitas dende 24/04/2003: 340490 | Visitas hoxe: 213

© 2002 -2005 - I.E.S Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Reservados tódolos dereitos.
    Resolución mínima recomendada: 800 x 600
Rúa Xermade, s/n
27300 Guitiriz (Lugo)
Tfno:982 370 026
Fax: 982 370 462