HISTORIA

    Ninguén dubida da presencia nestas terras dos SUEVOS; o mesmo nome do concello GUITIRIZ (vila de Witerico) vén dun rei suevo chamado WITERICO que vivíu a comenzos do s. VI da nosa era. Hai outros moitos lugares que dan idea desa presencia ó conter no seu nome a terminación "-iz" ou -il. Son: Amariz, Maariz,ou Mariz, Buriz, Romariz, Recemil, Estremil, Lentemil, Ramil...Pero Guitiriz non xurdíu nesta época, xa que hai testemuñas de ser terra habitada dende miles de anos atrás.

    Seguindo un orde cronolóxico podemos citar como o xacemento máis antigo que se conserva o de Pena Xiboi ou Lliboi que pertenecería á cultura epipaleolítica entre os anos 8.000 e 5.000 a.de C.

        Da cultura Megalítica temos exemplos de monumentos sepulcrais: as mámoas, medoñas ou modias. Na zona hai infinidade de representacións, algunhas en estado aceptable e outros dos que só se coñece o nome do lugar ou se conservan na memoria dos veciños máis vellos. Podemos atopar exemplos en case tódalas parroquias do Concello. Citaremos: A Valiña, a do Pitero, a da Pena das Portas Gallas, a do Cruceiro de Riotorto, do Castro de Buriz, a da Agra Blanca en Stª Leocadia, a de Becín...

    Temos petroglifos: o do Agro das Calzadas ou Chousa das Calzadas do Buriz; o de Pena Vicuda, tamén no Buriz,  e o mesmo de Pena Xiboi. Hai outro petroglifo na mesma finca de Pena Vicuda que se acaba de descubrir recentemente.

    Tense atopado restos de cerámica: un vaso de cerámica que segundo algúns autores pertence á cerámica campaniforme.

    ÉPOCA CASTREXA. Hai infinidade de castros espallados pola zona. A meirande parte están na cima dun monte, ocupando unha posición dominante sobre o territorio. Teñen forma circular ou oval e, en moitos casos, teñen antecastros con función defensiva e de cobixo para os animais.

A ROMANIZACIÓN. É seguro que os romanos habitaron estas terras. Segundo os historiadores, os Apárracos ou Párracos habitaban a povoación de Parraqua (actual Parga) e os Caranicos abarcaban dende Guitiriz a Curtis. algúns din que a cidade de Carranicum estivo no actual Boedo de Guitiriz e outros na Graña de Becín. Hai quen afirma que o camiño romano ía do Boedo a Becín en liña recta. Foi esta unha cidade moi importante que chegou a acuñar moeda con peixes gravados facendo alusión ó río Parga.

    IDADE MEDIA. Ó Mosteiro de Sobrado pertencen as terras de Mariz, Negradas, San Breixo, Stª Leocadia...O Mosteiro de Monfero dominou as parroquias de Labrada, Buriz e Os Vilares.

    Existiron as Casa de Parga e a Casa de Guitiriz que se unificaron en varias ocasións e que perduraron ata a abolición dos señoríos a finais do s. XIX.

    Cando se crean os Concellos no ano 1834, este chamábase de Trasparga e tiña a súa sé á beira da actual N-VI; foi trasladado á Póboa de Parga por motivos de seguridade e máis tarde voltou á ubicación inicial. Xa en pleno s. XX, se sitúa no actual emprazamento: Guitiriz.

    O feito máis relevantes do s. XX é a construcción do Hotel-Balneario que ó longo da súa historia tivo etapas de auxe e decadencia.

Visitas dende 24/04/2003: 437116 | Visitas hoxe: 58

© 2002 -2005 - I.E.S Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Reservados tódolos dereitos.
    Resolución mínima recomendada: 800 x 600
Rúa Xermade, s/n
27300 Guitiriz (Lugo)
Tfno:982 370 026
Fax: 982 370 462